AA.VV. Federadas
Listado
Coia - Cristo da Victoria Redondela 6
36209 Vigo
Teléfono
986 23 30 93
Fax
986 23 30 93
Email
Este enderezo de correo electrónico está protexido contra os robots de spam; necesita ter Javascript activado para podelo ver
Ramón Iglesias
A Asociación Veciñal Cristo da Vitoria emprázase na parroquia viguesa do mesmo nome, no barrio de Coia, un dos máis densamente poboados da cidade.
A situación inicial deste barrio, pensado como unha auténtica cidade dormitorio, xurdida ao abeiro do proceso de desenvolvemento industrial dos 60-70, motivaron que servise de lugar de agrupamento para todos os inmigrantes que a cidade estaba a recibir para traballar na industria. Este feito supón a transformación de Coia nunha zona de altos edificios residenciais, cativas zonas verdes e marcada inexistencia de servizos de todo tipo.
Como consecuencia desta realidade, cunha marcada carencia de infraestruturas e servizos na práctica totalidade de sectores da vida cotiá (transporte, saneamento, alumeado público, xardíns, lecer, deporte,...), aparecen as primeiras e tímidas reivindicacións veciñais diante das institucións.
Este será o xermolo da futura A.V. Cristo da Vitoria. Unha entidade que materializa a necesidade de contar cunha unidade de representación que permitise tomar forza aos movementos de reivindicación que no primeiro posfranquismo se estaban a dar en relación á consecución dun mellor nivel de vida para a veciñanza, feito que fai que a actividade da asociación non se cinga a un ámbito concreto, pretendendo, na medida dunhas moi cativas posibilidades, dar resposta ás inquedanzas veciñais.
Xa dende aqueles inicios, no distante 1976, a asociación organiza actividades deportivas e culturais, atendendo moi especialmente á potenciación e defensa dos sinais culturais de identidade, sen esquecer o labor puramente reivindicativo.
Grazas a moitos esforzos, colaboración e traballo desinteresado, programamos anualmente unha serie de actividades que dinamizan a vida no barrio e abranguen todos os eidos: actividades deportivas tendo como principio a defensa da práctica do deporte base (Media Maratón Popular de Coia, Encontro Nacional de Petanca, Marcha Ciclista,...), actividades culturais, primando a defensa e potenciación da cultura galega, a todos os niveis, actividades de lecer (Magosto, Sardiñada, Festas no Entroido e Nadal).
Especial mención merece o traballo realizado con e para os nenos e nenas, desde todo tipo de actividades lúdicas (nomeadamente en época de vacacións) que inclúen festas e eventos especialmente pensados para o seu goce e entretemento coma a visita do paxe real, monicreques e teatro infantil, etc.
Logo de moitos anos de traballo con distinto mérito e fortuna, é preciso confirmar diante de veciños e veciñas que o proxecto segue a ter valor.
Non só é bo senón que é necesario manter en funcionamento e participar da túa asociación veciñal, por diferentes consideracións entre as que cabe salientar o feito de facer realidade todo tipo de actividades que a carencia de medios e espazos públicos moitas veces impiden desenvolver, pero non é menor en importancia o feito de que estar xuntos e xuntas nas asociacións constitúe un dos medios de participación democrática máis eficaces para toda a cidadanía.