AA.VV. Federadas
Listado
Vilar, Gandarón - As Fontes Rúa Vilar, 21
36214 Vigo
Teléfono
986 26 22 32
Fax
986 25 34 06
Email
Presidente
Francisco Blanco Blanco
No ano 1978, coa democracia instaurada e dentro da corrente de creación de asociacións veciñais, xorde no barrio de Vilar-Gandarón unha xunta xestora que propicia a constitución da primeira xunta directiva da asociación. Era o 26 de xaneiro de 1980, sendo o seu presidente Eduardo Abeleira Roman cando nace esta entidade co nome de “As Fontes”.
Desde a compra do terreo e construción do local social (hai xa 20 anos e sendo presidente Guillermo Riveiro Caride), a entidade dispón de instalacións propias nas que desenvolve asembleas, actos culturais, e realiza numerosos cursos, principalmente organizados pola vogalía da muller: ximnasia, pandeireteiras, cestería e restauración de mobles.
A Asociación encárgase de canalizar diante dos organismos oficiais os diversos problemas e melloras que demandan socios e veciños:
-Melloras viais: creación de beirarrúas, repaso do asfaltado, sinalización e vixilancia efectiva dos límites de velocidade.
-Melloras na limpeza: en cunetas e balados, peticións de máis contedores de recollida selectiva e baldeado máis frecuente.
-Mellora no alumeado público.
-Mellora do saneamento público e servizo de augas.
Respecto ao novo PXOM, a asociación levou a cabo unha intensa campaña informativa e de asesoramento expoñendo os planos que afectaban a este barrio, ademais realizar asembleas cos afectados e implicándose na presentación de diversas alegacións que expresasen as inquedanzas do colectivo veciñal. Planeamento no que continuamos a traballar coa resolución dos temas pendentes que afectan ao deseño urbanístico do barrio.
Na última asemblea xeral, propuxéronse como obxectivos prioritarios alcanzar, coa participación do barrio, a urbanización da rúa Gandarón, troco das canalizacións da auga, solicitar unha liña de autobús e a instalación de semáforos do cruzamento das rúa Alcalde Lavadores-Gandarón.
Noutros ámbitos a asociación está a desenvolver diversas actividades nas que se conxugue o lecer e participación: celebración do Entroido con festa infantil; o Día das Letras Galegas con actividades culturais (poesía, teatro e música galegas); a noite de San Xoán (coa célebre fogueira, sardiñada e festa popular, que rexistra unha multitudinaria asistencia máis aló incluso dos límites da barriada), o Magosto e a Festa de Fin de Ano. Festas e outros eventos contan coa participación dos grupos artísticos e culturais que se forman e teñen o seu espazo na asociación: grupo de baile (Albendeira), música folk (Bailía), e o grupo coral “As Fontes”.
Esta asociación precisa da participación para continuar a desenvolver a súas tarefas de mellora que fagan do barrio un lugar moito máis vivible e seguro para a súa veciñanza. Podemos entre todos e todas conseguir os obxectivos que nos marquemos se traballamos xuntos e de forma organizada, para o que resulta imprescindible a base que supón a túa participación.
Participar na asociación significa gozar de información e asesoramento personalizados, dispor dun lugar e uns amigos e amigas ás que acudir para resolver os teus problemas e que goces de novos espazos para a lectura, o lecer, a formación e o tempo libre.