Novas
Convivencia
MoveVigo Magosto´09 fará que as festas do magosto se vivan nos barrios e parroquias da cidade

MoveVigo arranca cun novo e intenso programa cultural cheo de espectáculos, música, actuacións e actividades en torno á festa da castaña. Durante todo o mes 26 asociacións veciñais da cidade organizarán un total de 25 magostos e preto de 70 actividades para que os barrios se convirtan en punto de encontro, nun espazo para coñecer e recuperar as tradicións máis arraigadas na nosa cultura e que neste momento do ano ten a súa máxima expresión na festa do magosto. O programa completo xa pode consultarse en www.movevigo.com.
Será a segunda fin de semana de novembro a que concentre o maior número de magostos. O venres 13 a festa chegará a Lavadores, Travesía de Vigo e a Salgueira e o sábado 14 as asociacións de A Miñoca, Comesaña, San Roque, Fonte do Galo, Camiño V. de Coia, San Xoán Poulo, Saiáns, Beade, Candeán, Zamáns, San Miguel de Oia, Castrelos, Sárdoma, Sampaio e Cabral celebrarán magostos nos que non faltarán as castañas quentes acompañadas da música e do baile tradicional, dos concertos de bandas de música, corais, actividades para os cativos…Tamén o domingo 15 de novembro a asociación “Rúas de Fontes” de Parada-Maceiriña organizará un magosto.
Logo desta intensa fin de semana os magostos do venres 21 en O Freixo e o sábado 22 na zona do Castro organizado pola A.V. “Dr. Fleming” marcarán o final destas celebracións, aínda que a programación de MoveVigo continuará ata fin de mes con múlitiples homenaxes á patrona dos músicos: Santa Cecilia, en honra á que se organizarán concertos e espectáculos en Cabral, Castrelos, Beade, Valadares, Comesaña e San Miguel de Oia.
Ademáis da posta en valor das festas e tradicións, o programa MoveVigo Magosto oferta á cidadanía unha ampla oferta lúdica e cultural que inclúe representacións teatrais, exhibicións de baile, deportivas, obradoiros, proxeccións audiovisuais e unha chea de actividades. Deste xeito e un ano máis, a chegada do outono volve a facer do Movemento Veciñal o principal protagonista da dinamización dos barrios e parroquias da cidade, da creación de puntos de encontro entre a veciñanza, de espazos de convivencia, cultura e lecer para toda a cidadanía.
A festa do magosto é unha tradición profundamente arraigada na cultura galega. Xa desde tempos ancestrais esta época celebrábase o fin de ano celta, coa festa do Samaín, vinculada ao lume que anunciaba a entrada ao inverno nun ritual logo cristianizado coa celebración do día dos defuntos.
En Galicia esta antigua tradición deu paso a reunións para celebrar a última colleita do ano antes da chegada do inverno que é a da castaña, nunha festa que aínda conserva moitos vínculos con aquelas lonxanas tradicións celtas xa que a caída da folla e dos ourizos simbolizan a morte pero dentro levan unha nova vida materializada na castaña.
É precisamente o lume das fogueiras que se emprega para asar as castañas o elemento purificador que sirve para liberar as almas e que podan nacer á nova vida e por iso cada vez que unha castaña estoupa dise que tense liberado a alma dun defunto.