Enquisa

Infraestruturas urxentes
¿Cres que Vigo precisa dun Albergue Municipal?

Lista distribución



¿Acepta HTML?

Portada arrow Novas arrow Convivencia arrow A Federación Veciñal de Vigo pide ao goberno galego unha rectificación na súa política lingüística

A Federación Veciñal de Vigo pide ao goberno galego unha rectificación na súa política lingüística

Atopamos excesivos os esforzos que se están realizando dende o goberno galego para limitar o emprego do noso idioma en lugar de promocionalo activa e progresivamente, tal como establece a Lei de Normalización Lingüística, aprobada hai máis de vinte anos e que consideramos que xa é hora de modificar de cara a darlle ao noso idioma máis presenza real na sociedade e en todos os ámbitos aos que durante todos estes anos non se foi capaz de chegar nin asentar.

Analizado o decreto elaborado durante o goberno bipartito PSOE-BNG, como consecuente desenvolvemento do Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobado por consenso de todas as forzas políticas, esta Federación Veciñal non atopa ningunha “tese de imposición” do noso idioma no ensino tal e como afirma o goberno popular na actualidade.

 

Esta Federación Veciñal está especialmente preocupada pola acelerada perda de falantes novos do galego entre a mocidade, especialmente nas áreas urbanas, de acordo cos estudos sociolingüísticos publicados.

 

Nas áreas urbanas galegas a nosa mocidade vive diariamente nunha maioritaria e permanente inmersión lingüística en castelán ao longo de todo o día, xa que o contexto no que normalmente se desenvolven (cine, radio, televisión, publicacións escritas, internet, familia, etc.) realízase case nas súa totalidade en castelán.

 

Consideramos moi positivas as políticas conducentes a recuperar o contacto co idioma e o seu emprego a través do ensino. Das cinco ou seis horas que un estudante está nun centro educativo, dúas horas vai estar en inglés ou lingua española. Dende esta Federación pensamos que as restantes tres ou catro horas, o alumnado pode estar perfectamente en galego nas clases, unhas escasas horas que en moi pouco poden compensar a inmersión lingüística en castelán na que viven o resto do día.

 

Paralelamente instamos ao goberno a que poña en marcha políticas lingüísticas que contribúan a facer máis presente o noso idioma na sociedade, sobre todo nas áreas urbanas.

 

Atopamos excesivos os esforzos que se están realizando dende o goberno galego para limitar o emprego do noso idioma en lugar de promocionalo activa e progresivamente, tal como establece a Lei de Normalización Lingüística, aprobada hai máis de vinte anos e que consideramos que xa é hora de modificar de cara a darlle ao noso idioma máis presenza real na sociedade e en todos os ámbitos aos que durante todos estes anos non se foi capaz de chegar nin asentar.

 

Atopamos moi negativo que dende o goberno galego se estean lanzando mensaxes continuas asociando o concepto de galego con “imposición”. Esta cualificación vai en detrimento da valoración social do noso idioma por parte da cidadanía, que a escoita continuamente dende os medios de comunicación por parte do Partido Popular.

 

Pedimos unha rectificación a esta falsa asociación por parte do goberno galego na liña de asociar “galego” con valoracións positivas que contribúan a que o noso pobo sinta orgullo, aprecio e valoración polo noso idioma, en lugar de inculcar asociacións negativas e descualificadoras.