Novas
Infraestructuras
A FAVEC denuncia a falta de orzamentos suficientes para saneamento e abastecemento nas parroquias O canon de auga que se recada debe ir necesariamente para o mantemento de infraestruturas de saneamento e abastecemento de augas, tal como aparece recollido nas diferentes lexislacións.
Nos orzamentos municipais só se recollen 38.000 € para investimentos en saneamento e abastecemento. Esta cantidade destinada a investimentos non cumpre coa lexislación con respecto ao total recadado e é insuficiente para atender as necesidades que a rede viguesa de saneamento e abastecemento presenta na actualidade, algunhas delas moi graves.
Dende a FAVEC solicitamos as seguintes prioridades de investimento:
SANEAMENTO
Dotar do saneamento pendente a todas as vivendas das parroquias que aínda faltan.
Dotar de saneamento a contorna dos colexios de Montecastelo, Rosalía de Castro e Estrada de Madrid, así coma no camiño Toutizo, ámbito que pertence ás parroquias de Lavadores, Bembrive e Sárdoma.
Dotar dos colectores de saneamento as marxes do río Pipín, na parroquia de Cabral (onde hai vivendas sen poderse conectar por carecer do mesmo), así como outros ámbitos pendentes da parroquia.
Colector en Lavadores, na zona de Pardavila.
Pequenos colectores en Beade, nas zonas de Saa, Babio, Pena e Facho.
Pequenos colectores e melloras na parroquia de San Miguel de Oia.
Resolver a execución de colectores de saneamento pendentes en Navia, na zona de Tomada e outras.
Tamén están pendentes de resolver as deficiencias de colectores en Sampaio e San Xoan Poulo.
ABASTECEMENTO
Deficiencias de abastecemento nalgunhas parroquias, por falla de presión debido aos diámetros das tubaxes.
Na parroquia de Valadares, concretamente, está pendente de resolver un trazado dun colector de abastecemento que estrangula a ampliación do Camiño da Valada, no punto onde pasa esta condución.
No orzamento municipal para o ano 2010 non existen partidas suficientes para resolver estes problemas. Os 38000€ destinados para saneamento e abastecemento apenas chegarían para a redacción dos proxectos necesarios para acometer estas obras,
Dende a FAVEC observamos que, coma sempre, as parroquias son as grandes esquecidas nas obras prioritarias que redunden na calidade de vida dos seus habitantes.