Novas
Promoción
A FAVEC denuncia que os orzamentos municipais atentan gravemente contra a democracia participativa A FAVEC denuncia que a redución nos orzamentos municipais 2010 das partidas destinadas a entidades sen ánimo de lucro atentan gravemente contra a democracia participativa.
Analizando os orzamentos presentados para 2010 observamos que os recursos asignados a transferencias -capítulos 4 e 7, quitado o que corresponde a organismos dependentes do Concello de Vigo- increméntase en todos os conceptos agás nas entidades sen ánimo de lucro, que diminúe nun 3.7%
Resulta rechamante como en xeral son as entidades sen ánimo de lucro (ESAL) as que peor paradas saen, cunha redución do 3,7%, fronte á subida de todos as demais categorías de beneficiarios de subvencións: especialmente as Entidades sen ánimo de lucro nas que participa o Concello (Fundación Vide, Fundación Marco, etc, que soben un 16,2%) e as empresas (soben un 9,8%).
Dende a FAVEC consideramos é moi necesario que exista unha política de subvencións públicas que incida principalmente na promoción da sociedade civil que propugna o marco democrático no que vivimos.
Tamén analizamos que se deu unha redución nas partidas para actividades a entidades cívicas durante esta década 2000-2010. A partida de “Subvencións a entidades cidadás e sindicatos” conta cun importe de 148.346 euros para o 2010. No ano 2001 o importe ascendía a 153.258 euros. Se se lle quita o efecto da inflación, supón unha redución en termos reais destas axudas do 28.4% durante toda esta década.
Por outra parte, os orzamentos poñen de manifesto unha redución nas partidas para investimentos e equipamentos nas entidades veciñais, que pasan de 225.000 euros en 2009 a 210.000 euros en 2010.
E a máis lesiva para as asociacións veciñais: No ano 2009 (e anteriores) os orzamentos recollen na Concellería de Participación Cidadá a partida 4631.780.00000 denominada “Subvención de capital a asociacións de veciños”.
Nos orzamentos de 2010 aparece a partida 9240.780.00010 denominada “Transferencias de capital a asociacións”, supondo un retroceso no compromiso da citada concellería coa rede de instalacións que as asociacións veciñais xestionan e poñen a disposición da cidadanía de xeito gratuíto.
Nas alegacións presentadas aos orzamentos municipais 2010 solicitamos:
Incrementar os recursos asignados a transferencias a ESAL -capítulos 4 e 7, quitado o que corresponde a organismos dependentes do Concello de Vigo- de 3.777.000 a 4.308.000 millóns de euros, mantendo así o mesmo nivel de incremento de transferencias que o adicado ao sector empresas (9.8%).
Incrementar a partida 9240.489.00000 “Subvencións a entidades cidadás e sindicatos” de 148.346 euros a 218.346 euros, polo tanto un incremento de 70.000 euros.
Incrementar a partida 9240.780.00010 “Transferencias de capital a asociacións” de 210.000 a 230.000 euros, polo tanto un incremento de 20.000 euros.
Reducir a partida 9120.227.9902 “Convenios” de 180.000 a 110.000 euros, polo tanto un descenso de 70.000 euros.
Colocar a partida 9240.780.00010 “Transferencias de capital a asociacións” como partida 9240.780.00000 “Transferencias de capital a asociacións de veciños”.